GAIN celebra o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial


Con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebra o vindeiro 28 de xuño, o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, orientado a abrir canles de contacto entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, con especial atención ás pemes. A cita terá lugar no CIS Galicia en Ferrol, entre as 10:00 e as 18:00 horas.

Os destinatarios do encontro son deseñadores galegos de todos os ámbitos, estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.

No marco desta xornada, presentarase o novo Plan de Deseño para a Innovación 2020, orientado a potenciar o deseño no tecido empresarial galego como motor de innovación e competitividade. Ademais, os asistentes terán ocasión de coñecer, por unha parte, as últimas tendencias neste eido da man de deseñadores galegos, do resto de España e da escena internacional; pola outra, empresas líderes nos seus sectores de Galicia e de fóra exporán as súas experiencias máis exitosas de incorporación do deseño á súa estratexia de negocio.

As ponencias complementaranse con espazos expositivos e coa oportunidade de manter reunións bilaterais para intercambiar ideas e necesidades entre deseñadores e empresas.

Para máis información e anotarse, pinchar na imaxe.


Modificar cookies