A cadea de valor forestal distribúe nas 1.400 escolas e nas 350 bibliotecas públicas de Galicia o conto Os Bolechas fan cousas de madeira para achegar este material so nenos


A través das súas entrañables personaxes, os máis pequenos tomarán conciencia da importancia de ter un monte coidado para poder desfrutar de todos os produtos derivados del (cogumelos, froitos, etc.) e dos beneficios da madeira, así como as diferentes aplicacións que este material ten no seu día a día

A cadea de valor forestal da madeira distribúe nos 1.400 colexios públicos de Galicia e nas 350 bibliotecas públicas da comunidade o libro Os Bolechas fan cousas de madeira, publicado pola editorial Bolanda, coa finalidade de concienciar aos nenos da importancia que ten o coidado da nosa contorna para poder desfrutar de todos os produtos derivados do monte, dos obxectos que se fan en madeira, así como familiarizarlles coas diferentes especies de árbores que existen en Galicia. Esta iniciativa está financiada pola Axencia Galega da Industria Forestal. Os Bolechas presentaron está maña o conto no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago de Compostela, co gallo de achegar aos máis pequenos as aventuras destas personaxes relacionadas coa madeira.



Dende a cadea de valor forestal considérase fundamental que as novas xeracións comprendan e coñezan a realidade do monte galego dende pequenos e se deixe de estigmatizar certos labores que desenvolven as empresas que transforman a madeira nos obxectos que eles gozan na súa vida cotiá. Deste xeito, trátase de que os nenos comprendan que a madeira é un material sostible e vexan, de forma natural, o proceso de tala de árbores. A través da familia de Os Bolechas poderán coñecer todo o proceso transformador da madeira, dende o monte ata a mesa ou os xogos que empregan cada día. Ademais, transmítense todos os valores que aporta o monte en canto a espazos de lecer ou ocio, así como todos os froitos que podemos atopar nel.

O conto narra unha historia na que esta singular familia vese na obriga de construír unha casa para as súas mascotas, traballando en unidade e amosando as particularidades da madeira. Ademais, os nenos poderán coñecer as calidades deste material en canto a sustentabilidade e coidado ao medioambiente, así como as diferentes aplicacións que permite a súa transformación.


A editorial Bolanda fixo un especial esforzo en transmitir estes valores dunha maneira sinxela e visual, co gallo de achegar os nenos á madeira e ás súas aplicacións dun xeito lúdico e divertido.

Os Bolechas naceron no ano 2000 da man do guionista e debuxante Pepe Carreiro, converténdose en protagonistas da máis famosa e importante serie de literatura infantil galega, con máis de 500 títulos publicados e un millón e medio de exemplares distribuídos.

Os Bolechas fan cousas de madeira conta con 33 páxinas a cor, onde ademais de narrar a historia descrita anteriormente, conta cun apartado didáctico ao final do conto onde se explican as particularidades das diferentes especies de árbores que existen en Galicia, así como o emprego das madeiras que se extraen das mesmas. Dunha maneira sinxela e en clave de xogo, amósase a importancia do coidado destas árbores para asegurar o futuro dos nosos montes.


Resources

Modify cookies