Organizacións do sector forestal e da madeira insisten en que o Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento con obxectivo de que o medio rural sexa o principal beneficiario


As diferentes asociacións tiveron que ceder nas súas pretensións co gallo de chegar a un consenso, polo que agardan que os partidos políticos fagan o mesmo

O Plan Forestal de Galicia é fundamental para acceder aos fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos, sendo vital que salga adiante

As asociacións da cadea de valor da madeira insisten, desde hai anos, na necesidade de que o novo Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento de Galicia antes de aprobarse, co obxectivo de conseguir un consenso político que reflicte o xa obtido con moito traballo no seo do sector e lle dea estabilidade, tal e como ocorreu co anterior Plan, posto que se trata dun documento a 20 anos no que o futuro do medio rural está en xogo. Neste sentido, desde que se iniciou o proceso público de definición de directrices do Plan Forestal impulsado pola Consellería do Medio Rural, o sector da madeira galega traballou activa e intensamente durante máis de cinco anos, cedendo nalgunhas das súas reivindicacións e aportando os seus puntos de vista, co obxectivo posto no desenvolvemento e beneficio do medio rural, polo que se considera xusto e necesario que os políticos fagan o mesmo en prol do desenvolvemento do mundo rural, sen o que non pode haber actividade forestal.



Desde a cadea de valor da madeira mantivéronse durante estes anos, encontros de traballo con todos os axentes implicados a fin de conseguir o ansiado consenso. Desde os estamentos científicos, ata os grupos ecoloxistas, partidos de todo espectro político e todos os sectores sociais implicados no medio rural, chegaron a puntos de encontros comúns. Traballouse deixando a un lado formulacións particulares, cedendo para chegar ao consenso, co firme convencemento de que é máis forte o que nos une que o que nos separa; aquí está en xogo o medio rural de Galicia. Os silvicultores, a industria e todos os colectivos antes citados, traballaron conxuntamente, de forma colaborativa, co único afán de lograr un documento que axude a mellorar o medio rural.

Dentro do sector forestal, existe un alto sentido de responsabilidade en conseguir que se aprobe, nun breve prazo, o Plan Forestal de Galicia, debido á inminente programación dos Fondos Europeos que se canalizarán a través do Plan de Desenvolvemento Rural; é clave aliñar os obxectivos do Plan Forestal dentro do período de programación europeo. O Plan é fundamental para acceder aos fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos. Para que o medio rural conte con estes investimentos, é fundamental que o documento salga adiante. Non existe en Galicia un documento máis traballado, dialogado e consensuado previamente á súa entrada no Parlamento que o novo Plan Forestal.

O Plan Forestal debe ser un documento sólido, que reflicte o traballo de colaboración de todos este anos. Un documento a longo prazo que aporte seguridade xurídica pensando no futuro de Galicia, de todos os galegos e dos seus montes. Un documento que garanta a supervivencia e desenvolvemento do medio rural.

Modificar cookies