O mundo rural galego fai un chamamento á sociedade galega a mobilizarse o 3 de xuño, en Compostela, a favor do seu recoñecemento social


  • O acto está convocado por organizacións agrarias, forestais, do mundo da caza e da pesca
  • Os diferentes sectores pretenden con este acto un recoñecemento de toda a sociedade galega ao esforzo que supón desenvolver unha actividade no rural e das aportacións que fai o rural ao medio ambiente e á sociedade galega

 

Organizacións agrarias, forestais e do mundo da caza e da pesca fan un chamamento á sociedade galega a mobilizarse o próximo 3 de xuño, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Creamos vida no rural. Non somos o problema, somos a solución”. A mobilización partirá da Alameda da capital galega ás 11:00 horas, para percorrer diferentes rúas ata chegar á Praza da Quintana, onde se lerá un manifesto conxunto a favor da actividade no rural.

Esta mobilización, que non é contra ninguén, xurde en resposta ao abandono que está a sufrir o mundo rural. Cómpre que a sociedade tome conciencia que se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental.

As solucións para o rural precisan que sexan a longo prazo e requiren dun cambio cultural que necesita de tempo e perseveranza. Os habitantes do rural, os que invisten nel, non son considerados como merecen. Esquécese en moitas ocasións o papel fundamental que teñen os que son os verdadeiros custodios do noso territorio, os que están a velar polo futuro do 90% del, os que están a salvar a nosa cultura e asegurando un futuro ás novas xeracións.

Por iso, os diferentes sectores que forman parte do medio rural, queren reivindicar o papel que protagonizan para manter un patrimonio en beneficio de todos. Con este acto, preténdese o recoñecemento de toda a sociedade galega ao gran esforzo que supón desenvolver unha actividade no rural. Necesítase un apoio decidido de toda a sociedade para que os máis novos vexan perspectivas de futuro, para aproveitar a oportunidade que supón a bioeconomía, o coidado do medio ambiente e os novos usos do territorio, cambiando así, o abandono por unha fonte de riqueza e orgullo.

A todas as actividades que aportan economía ao rural, que o coidan para deixar un legado ás próximas xeracións e que colaboran para evitar o abandono do noso maior aceno de identidade, debemos outorgarlles o respecto e apoio que merecen.

Todas as actividades e sectores que se mobilizan o día 3, son indispensables no territorio, non existindo actualmente opcións enfrontadas no rural galego, pois o inimigo común é o abandono, contribuíndo todos os sectores de forma harmoniosa á sostenibilidade económica do rural, á  súa riqueza histórica e cultural e á xestión e protección do medio ambiente.

A aportación fundamental ao medio rural

Nesta liña, o mundo da agricultura e a gandería reivindica a súa función de protectores de ecosistemas mediante a conservación dos pastos, pradeiras e terras de cultivos que supoñen máis de 300.000 ha. De cortalumes gratis, que se desaparecen pola falta de actividade, suporían a transformación estrutural do territorio cara unha catástrofe medioambiental.

O sector forestal quere facer valer os seus esforzos pola xestión sostible das masas produtoras de madeira, o impulso decidido á Certificación Forestal, así como o efectos sumidoiro de carbono que supón o monte galego, que é o maior captador de dióxido de carbono do país, contribuíndo de forma decisiva, á loita contra o cambio climático. Ademais, necesita dun sector agrario potente como garantía de protección do territorio. Sen agricultura, non se pode desenvolver o sector forestal.

Do mesmo xeito, o sector da caza quere subliñar o seu papel insubstituible como ferramenta de xestión das especies, equilibrando as poboacións de especies cinexéticas, sobre todo as de caza maior, que provocan grandes perdas no agro galego, monimizar os danos en accidentes de circulación, que a día de hoxe, presentan unha media de tres accidentes de tráfico cada dous días, nas estradas galegas.

Control poboacional que axuda a evitar os  graves riscos de contaxio á fauna doméstica e salvaxe de letais enfermidades como a tuberculose, a sarna ou a peste porcina africana. Do mesmo xeito, dende os colectivos de pescadores queren destacar o seu papel como conservadores do ecosistema dos ríos, e o achegamento á natureza que supón esta actividade, especialmente para a xente máis nova.

O sector agrogandeiro e a cadea de valor que xera a industria agroalimentaria galega, supoñen na actualidade máis de 75.000 empregos directos e indirectos, o que supón unha aportación agregada ao PIB de Galicia de 4.600 millóns de euros, mentres que o sector forestal aporta 80.000 empregos directos e indirectos e xera unha cadea de valor da madeira que aporta máis de 2.000 millóns de euros ao PIB de Galicia. Por último, os sectores da caza e a pesca aportan todos os anos 130 millóns de euros á economía galega, coas súas 140.000 licencias, colaborando, entre todos, de maneira moi importante, a fomentar e fixar poboación no rural galego.

Con todo isto, as diferentes asociacións e entidades que forman parte do sector agrario, forestal, do mundo da caza e da pesca que forman parte do ecosistema rural e contribúen á súa diversidade funcional, convidan á sociedade galega a participar na marcha que terá lugar o próximo 3 de xuño, e que se amosen orgullosos das xentes e do traballo que se desenvolve no rural, como guardiáns da nosa cultura,do noso futuro, e do coidado e salvagarda do noso medio ambiente.


Modificar cookies