Razóns para sumarse á mobilización do próximo 3 de xuño en defensa do medio rural
  • O punto de encontro será ás 11:00 horas na Alameda, de Santiago de Compostela para chegar ata a Praza da Quintana onde se lerá un manifesto a favor do mundo rural e das actividades que nel se desenvolven
  • Organizacións agrarias, forestais, do mundo da caza e da pesca lideran esta iniciativa coa que tratan de acadar o recoñecemento de toda a sociedade galega ao esforzo que supón desenvolver unha actividad no rural e das aportacións que fai o rural ao medio ambiente e á sociedade galega, en xeral

Razóns para participar na mobilización:

  1. O rural de Galicia merece un futuro e somos nós quen o temos que construír defendendo actividades e servizos de calidade que axuden a fixar poboación para manter un rural vivo e activo
  2. Queremos un rural produtivo e sustentable como garante de respecto ao medioambiente para manter un Patrimonio Natural que sexa motivo de orgullo para todos os galegos
  3. Sen o sector primario, sen o seu traballo diario, sen os seus pastos, cultivos, terras de labor que actúan de cortalumes naturais, non hai protección posible contra as vagas de lumes catastróficas que ameazan todos os veráns a gran parte da superficie forestal de Galicia
  4. Unha xestión forestal sostible crea riqueza e xera emprego, á vez que coida o monte e fixa dióxido de carbono, depurando as augas e loitando contra o cambio climático
  5. Hai que defender un rural produtivo que complemente as rendas das familias que nel habitan, producindo madeira e outras materias primas renovables, claves para a bioeconomía do século XXI
  6. Reivindicamos o noso dereito a cazar e o respecto á Caza como ferramenta de xestión para o aproveitamento sostible das especies que permita controlar as súas poboacións; sobre todo, as especies de caza maior, en busca do equilibrio medioambiental, minimizando os danos aos cultivos, que farían inviable a agricultura e gandeiría en Galicia e contribuíndo á seguridade viaria nas estradas galegas. Ao tempo que a caza actúa como factor limitante da propagación de graves enfermidades para a fauna doméstica
  7. Queremos defender uns montes veciñais multifuncionais que sigan conservando o seu carácter de propiedade comuneira evitando calquera usurpación ou intento de privatización
  8. A Pesca Fluvial xestiona e mellora os ecosistemas piscícolas dos nosos ríos, porque achega os cidadáns á natureza e porque, xunto á Caza, xera actividade económica desestacionalizada no noso rural, especialmente nas áreas máis deprimidas e desfavorecidas
  9. Non nos resignamos a asistir ao declive social, demográfico e cultural do rural galego sen dicirlle á sociedade que somos necesarios para construír un gran futuro conxunto no que queda moito por facer e do que queremos ser parte importante, necesaria e activa
  10. Os habitantes do rural e as actividades que nel se denvolven non son un problema para o medio ambiente galego, senón son a solución aos seus problemas de conservación