
Asociacións empresariais galegas impulsan esta iniciativa co obxectivo de facer país e reactivar a economía
Trátase dun proxecto aberto ao que se poden sumar as institucións e organizacións empresarias de Galicia
O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia únese, xunto ao empresariado galego para crear un selo que favoreza o consumo de produtos e servizos galegos. “Compra do Noso” é unha proposta aberta a toda a sociedade, organizacións empresariais e institucións para reactivar a economía. A iniciativa, que se presentou en rolda de prensa online e na que participou o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, e o xerente do CMD, Ricardo González, conta polo momento co apoio de 18 entidades empresariais galegas (confederacións de empresarios, cámaras, clusters e asociacións).
En palabras dos promotores “a pandemia que nos últimos meses asolagou á nosa sociedade, levándose miles de vidas dos nosos concidadáns, ameaza agora con levarse por diante a unha parte da nosa economía baseada nas pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego do noso país”.
Baixo o lema “Compra do noso”, o Cluster quere comezar un camiño no que toda a sociedade sexa capaz de camiñar xunta cara o obxectivo común de salvar o tecido industrial e comercial galego. Consideran que apostar polo consumo local “é o mellor xeito de facer país, de reactivar a economía e de potenciar o emprego”.
Os impulsores do proxecto puxeron de manifesto que o seu obxectivo é que esta marca sexa patrimonio da sociedade galega e, especialmente, de todas as organizacións empresariais empresas e particulares, estendéndoa especialmente ás institucións, desde os concellos ata a propia Xunta de Galicia.
Trátase dunha iniciativa totalmente aberta que aspira a contar co máximo apoio social posible.
Variantes da marca
A marca pódese a adaptar a cada tipo de servizo ou produto con diferentes variantes (Le do noso, Viste do noso…) encargándose o Cluster de adaptar a marca de balde a todas as súas variantes.
Organizacións adheridas
- Confederación de Empresarios de A Coruña
- Confederación de Empresarios de Lugo
- Confederación de Empresarios de Ourense
- Confederación de Empresarios de Pontevedra
- Círculo de Empresarios de Galicia
- Cámara de Comercio de Santiago
- Asociación de Empresarios del Polígono del Tambre
- Asociación de Empresarios de la Mediana y Pequeña Empresa (AEMPE)
- Cluster Audiovisual
- Cluster da Comunicación
- Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia
- Cluster Naval
- Cluster Galego Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA)
- Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (ASIME)
- Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (ANFACO)
- Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos Compuestos (AGAFAC)
- D.O. Monterrey
- D.O. Valdeorras