O CMD organiza as XI Xornadas de Arquitectura e Deseño

Celebraranse o vindeiro 12 de novembro, a partir das 09:30 horas, no Hotel AC Palacio del Carmen, de Santiago de Compostela

As xornadas pretenden ser un punto de encontro para a reflexión, o intercambio e a xeración de novas ideas

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, organiza, de modo presencial, o vindeiro venres, 12 de novembro, as XI Xornadas de Arquitectura e Deseño, no Hotel AC Palacio del Carmen, de Santiago de Compostela.

A cita, que se celebra bianualmente, trata de ser un punto de encontro para a reflexión, o intercambio e a xeración de novas ideas entre arquitectos, deseñadores e empresas do sector da madeira.

Deseño e Arquitectura en madeira

Neste foro, destacados profesionais no emprego da madeira tanto no deseño como na construción e rehabilitación, exporán as vicisitudes á hora de enfrontarse a un proxecto, así como as solucións desenvolvidas para obter un resultado final positivo. MAS Arquitectura, Arkke Arquitectura e Proyectopía serán os encargados de compartir as súas experiencias no emprego da madeira para despois, abrir unha mesa de debate entre os asistentes, á que se sumaran empresas do sector, co gallo de debater sobre a importancia estratéxica que ten que o deseño, arquitectura e industria aúnen esforzos e traballen conxuntamente. Coñecer onde hai que poñer o foco para resultar competitivos.

A importancia do deseño

O deseño é unha ferramenta fundamental no proceso de innovación, tanto na parte da propia definición e desenvolvemento do produto, como na súa comunicación e aceptación polo mercado. O deseño ten unha influencia decisiva no desenvolvemento de produtos, servizos e contornas mellor adaptados ás necesidades e preferencias dos usuarios, máis competentes, eficientes, diferenciados e, polo tanto, con capacidade de xerar vantaxes para a empresa e valor para os seus clientes.

A data límite de inscrición é o luns, 8 de novembro.

CONSULTAR PROGRAMA

INSCRICIÓN