A cadea de valor forestal felicítase de que exista unanimidade entre todos os partidos políticos de separar incendios de produción

Ademais, destaca a promesa da Xunta de Galicia en incorporar os principios elaborados por ela no novo Plan Forestal

A cadea de valor forestal integrada por asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e da industria de primeira e segunda transformación mostra a súa satisfacción porque todos os partidos políticos comprendan a necesidade de que para garantir a sostenibilidade social, ambiental e económica do monte, cómpre aplicar a separación da xestión e a produción forestal da extinción de incendios forestais. Un monte vivo, activo, dinámico e rendible é a mellor defensa contra o abandono e os incendios. O único camiño para activar o rural, garantir a súa xestión e a súa sostenibilidade económica é independizando a xestión e os orzamentos de ambos departamentos, no que parece todos os partidos políticos coinciden a día de hoxe.

Por outra banda, a cadea de valor forestal destaca tamén que para conseguir a sostenibilidade económica do monte é necesario dispoñer de axudas axustadas á realidade forestal e acompañar con compensacións económicas as limitacións de uso que se establecen coa finalidade de garantir e protexer algúns valores que son para todos, como a biodiversidade, a conservación de hábitats naturais ou a paisaxe. Estas compensacións económicas deben aportar viabilidade e interese á xestión do monte para evitar o seu abandono e, así, evitar que arda. Neste sentido, considéranse asociadas ás limitacións, as axudas en forma de compensacións e todos os apoios que se poidan conseguir como, por exemplo, os fiscais ou fórmulas de xestión que se escapen do ámbito das SOFOR que, a vista dos feitos, non funcionan.

Nesta liña, a cadea de valor forestal felicítase da promesa da Xunta de Galicia en incorporar os principios elaborados por ela para o novo Plan Forestal, posto que é esencial que o contemple así para garantir esa protección que se pretende coas limitacións que se establecen. A Xunta de Galicia comprometeuse a isto e conta co apoio de todos os partidos políticos

A cadea amósase convencida de que ninguén escatimará axuda ao rural. Se esas limitacións buscan un beneficio social, deben ser asumidas entre todos, senón estarase traizoando ao rural.

Finalmente, as organizacións da cadea de valor forestal sinalan que aplaudirán a concreción de ambas cuestións, claves para o desenvolvemento do monte e do rural, claves para un futuro ben sustentado nun rural activo e xerador de riqueza, emprego e valores de toda a sociedade. Un rural coa dignidade que merece.